O Instituto Xelmírez é o xerme do Ensino Secundario en Santiago e durante 178 anos foi avanzando pola senda pedagóxica e lexislativa deixando ver tras de si un ronsel.
Unha longa historia definida por dúas premisas esenciais: a necesidade pedagóxica, por unha banda, e o interese político pola outra.
Necesidade pedagóxica para a propia existencia da Universidade e o seu prestixio, que dependen da saúde do Ensino Secundario.
Mais tamén hai interese político: nace á vez que o estado liberal que tenta ser laico, ilustrado, científico e cunha ampla base social burguesa que aspira a deseñar un país diferente.
Aparece o Instituto nun contexto de país marcado pola invasión francesa, abatido polo reinado de Fernando VII e co sistema do Ensino Secundario esnaquizado polas desamortizacións e a expulsión dos Xesuítas.
Ben, pois a Universidade que ten instalacións, docentes, materiais e orzamento crea o seu propio instituto no pazo de San Xerome –a “casa nai”– en setembro de 1845, coa forma de facultade menor de Filosofía. O título a acadar é “Bacharel en Filosofía”.Colexios públicos e privados dependen dos catedráticos do instituto, das súas programacións, dos seus textos oficiais e o seu alumnado ten de ser examinado polos seus tribunais.
Ao longo destes 178 anos de vida acumulouse un importante patrimonio cultural, unha hemeroteca, unha Biblioteca Antiga con 6000 volumes, un Arquivo Histórico de máis de 2000 unidades e un Museo Pedagóxico con pezas da cátedra de Agricultura, dos gabinetes de Física e Historia Natural ou do laboratorio de Química.
Cómpre salientar o patrimonio humano, profesorado e alumnado que conviviron e foron avanzando e creando a historia deste país con grande esforzo. Nomes que resoan nas nosas cabezas como parte da nosa propia identidade: Antón Fraguas, Castelao, Eduardo Pondal, Luis Iglesias, Fernández Granell, etc.
Durante estes 178 anos atravesamos períodos de incerteza: guerras civís, levantamentos militares de signos varios, restauracións monárquicas, incluída unha monarquía estranxeira, dúas repúblicas, unha longa ditadura e finalmente a democracia, e hoxe en día esta singradura caprichosa lévanos a unha situación de evidentes semellanzas coa inicial, e aquí seguimos, entre a necesidade pedagóxica e o interese social.
Mª Xesús Mascareñas Alonso / Paulo Porta Martínez
Comisarios da mostra.
Do 24 de abril ao 10 de xuño, no Pazo de Fonseca (Compostela)