178 anos na educación e cultura galegas

Experiencia pedagóxica

Seguramente a achega docente máis significativa do Xelmírez nas últimas décadas do século XX foi este proxecto educativo, que en certo xeito adiantaba a aplicación das teorías construtivistas e de aprendizaxe significativa que se anunciaban para o seguinte plano de estudos: a LOGSE.

En 1986 foi proposta por un grupo de 34 profesores liderados por Xosé Calviño e iniciada con dous grupos experimentais. A partir de 1988, xa con autorización definitiva da Consellería, continuou cun grupo de alumnos por promoción, até o ano 2000.

"A Experiencia Pedagóxica converteuse nunha maneira de ser profesional do ensino e nun xeito de entender a acción educativa por parte dun numeroso grupo de profesores e profesoras [...] Outra característica que habería que resaltar é o movemento de abaixo arriba que segue este proceso educativo innovador, pois non só non forma parte de ningunha Reforma decretada por BOE ou DoG, senón que vai anticipando ou coexistindo, non só coa experimentación da Reforma oficial, senón tamén coa teoría pedagóxica que define os presupostos que fundamentan a Reforma. Neste sentido, as principais aportacións que a fonte psicopedagóxica proporcionaou á Reforma desde as teorías construtivista e da aprendizaxe significativa xa estaban presentes nos proxectos e documentos presentados ás autoridades educativas a fin de obter a preceptiva autorización para levar á práctica un ensino fundado na autoformación e na autoestima a través da actividade realizada solidariamente, en contacto e respeto do medio físico e cultural."   Xosé Calviño

Foron características da Experiencia as VIAXES PEDAGÓXICAS, planificadas como unidades interdisciplinares a desenvolver en catro fases: preparación da viaxe, visita con actividades de campo, realización de traballos en grupo e avaliación.

Estas unidades eran os platos fortes de cada trimestre. En 1º de BUP visitábanse a Barbanza, os Ancares e Vigo. En 2º o Caurel, Lisboa e A Coruña. En 3º facíase só unha, de máis duración, a unha cidade europea.

EN VITRINA:
Publicacións da Experiencia Ver
Fotografías Ver