Xente do Xelmírez
Instituto Xeral e Técnico
Nos primeiros anos do século XX formáronse no instituto personaxes tan sobranceiros como Antón Villar Ponte, cabeza visíbel das Irmandades da fala, nas que militaron outros alumnos como Porteiro Garea, Ramiro Isla Couto, o poeta Manuel Antonio ou o profesor Xoán Vicente Viqueira. O Seminario de Estudos Galegos foi outra institución que lle debeu moito ao instituto de Santiago: o mesmo Isla Couto, Isidro Parga Pondal, Castelao, Xulián Magariños, Luís Tobío, Pedret Casado ou Luís Iglesias –máis tarde profesor– coincidiron nas aulas do centro.

Pedret e Iglesias foron ademais membros da Real Academia Galega, como tamén García-Sabell, que a presidiría máis tarde, Rodríguez Cadarso, que chegaría a Rector da Universidade, ou Vidal Abascal, que sería no futuro director do centro.

No campo da política podemos mencionar ao diplomático Eduardo Dieste ou a Rajoy Leloup, un dos artífices do Estatuto de Autonomía. No cultural, ademáis dos xa mencionados, pasan polas súas aulas o escritor García Barros, o xornalista Xosé Mª Castroviejo ou Nóvoa Santos, eminente médico como tamén o foron Sánchez Guisande, Carro y García ou Luís Taibo. No terreo artístico, alén de Castelao ou Vidal Abascal, pasaron polo instituto figuras da talla de Luís Seoane ou Fernández Granell.

Neste período normalízase a matrícula de alumnas, maioritariamente non presenciais: Mercedes e Rosario Díaz Pereiro non oficiais en 1911, igual que Xulia Martínez Álamo. Neste mesmo curso Rosario Domínguez Benavides é a primeira que ingresa como alumna oficial, ainda que no seguinte pasa a non oficial. María García Pérez, pola contra, ingresa como non oficial en 1914, pero acude ás aulas como oficial alomenos nos cursos 15-16 e 16-17. A presencia feminina farase habitual nos anos 20, en que aparecen tamén as primeiras profesoras.
Ver referencias individuais:
![]()
