O Xelmírez, centro de referencia da educación galega
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
Adoito dicir que a educación non é un fin en si mesmo, senón un medio. Unha ferramenta que debe estar a disposición da cidadanía e cun poder transformador da sociedade sen parangón.
Toda fórmula educativa debe aspirar a contribuír positivamente ao entorno colectivo e a xerar un impacto beneficioso para todos os actores implicados.
No caso de Santiago de Compostela, poucos centros teñen xerado unha pegada tan histórica e imperecedoira para a formación santiaguesa (e, por extensión, galega) como o Instituto Xelmírez. Unha institución fundamental para o desenvolvemento da capital de Galicia e para os seus veciños, convertido xa nun emblema máis da cidade.
Dende hai 175 anos, o Xelmírez ten contribuído á dinamización da educación galega e o pulo do seu modelo formativo. Sempre á vangarda en canto á estratexias pedagóxicas e compromiso co tecido local, a modernidade absoluta que dominou ao centro nestes case dous séculos de vida representa unha fórmula de exemplaridade educativa.
O seu nacemento ao abeiro da Universidade como facultade menor de Filosofía xa presaxiaba a singularidade da oferta académica do instituto e a súa natureza excepcional. Dende os seus primeiros tempos, logrou congregar un alumnado que marcaría o histórico devir do país.
Científicos, literatos, artistas plásticos, mestres e mesmo políticos de primeira orde pasaron polas aulas do Xelmírez, conciliando unha imaxe de democratización educativa que se prorroga ata os nosos días.
A mostra O Ronsel do Xelmírez. 178 anos na educación e cultura galegas permitirá celebrar e reivindicar o legado dun centro que transcende o ámbito meramente cultural para ser xa un axente clave na sociedade compostelá. Tralo adiamento obrigatorio que impuxo a pandemia para o seu 175o aniversario, esta retrospectiva súmase á homenaxe ao centro e a toda a educación galega.
Confío en que o Xelmírez, xa consagrado como referente formativo, siga sendo un modelo de comportamento, de compromiso, de innovación educativa e de contribución colectiva e social por moitos anos, e que a xente poda descubrir nesta mostra o longo e prolífico camiño que levou ata a súa constitución actual.
