178 anos na educación e cultura galegas

Historia Natural / Agricultura

No século XIX a Historia Natural estaba organizada por temas e seguía un método descritivo: Mineraloxía, Xeognosia, Orictognosia, Zooloxía, Botánica, Antropoloxía, Paleontoloxía, etc. Certamente os gabinetes eran coleccións de obxectos naturais. Exemplares naturalizados, herbarios, modelos anatómicos, esqueletos e cunchas, rochas e minerais. A idea de clasificación ordenada en base a liñas xerárquicas era importantísima debido ao aumento de achados e estudos de mostras de todos os continentes. Esta materia desaparecería dando paso á Bioloxía e Xeoloxía.


A publicación a principios do s. XX de libros de Historia Natural admitindo a Selección Natural e as teorías evolutivas, coñecidas entón co termo transformismo, son a orixe de comportamentos violentos entre estudantes do Instituto no ano 1903.
Diferentes enfoques dos profesores de ciencias fan que os alumnos se enfronten para defender as explicacións dun e doutro. O manual do catedrático de Agricultura e profesor de Fisioloxía Subirá y Nicolau comeza cunha cita do Xénese. Os alumnos seguidores deste profesor chegan a apedrear aos contrarios e perseguilos pola Rúa Nova até a residencia onde viven, e mesmo ameazan con agredir ao señor Fondevila, director da mesma.
Enténdese que o Claustro tivese que convocar o Consello de Disciplina.

Dr. Auzoux (1797-1878)

Médico francés, famoso pola fabricación de modelos desmontábeis para ilustrar a anatomía do corpo humano, tratando así de paliar á carestía de cadáveres para o seu estudo. Existían outros modelos pero con algunha deficiencia como os moldeados en cera, afectados negativamente polos cambios de temperatura.
En 1822 presentou a súa primeira figura humana á Real Academia de Medicina de París, que informou favorabelmente dous anos despois. En 1828 iniciou a produción en masa con case 50 traballadores. En 1840 comezaron a fabricarse modelos de animais e plantas.

Prensaban en moldes de chumbo unha pasta de papel, cola, trapos, etc. e suxeitos por fíos de metal. Logo encolaban as arterias, veas, nervios e empregando materiais habituais facían que semellasen os detalles. Finalmente pintábanse e numerábanse. Cada modelo ía acompañado dun manual no que se indicaba o que representaba cada número e como se desmontaban as pezas.
Entre 1880 e 1907 o instituto adquiriu 15 modelos da Anatomía Clástica do Dr. Auzoux de diversos animais e do corpo humano –formados por pezas desmontábeis e resistentes– con función didáctica para seren manipuladas en demostracións co alumnado.

EN PANEL:
Acta disciplinaria 1903 Ver

EN VITRINA:
Elementos de Historia Natural de Cándido Ríos Ver
Manual de Historia Natural de Galdo Ver
Programa Elementos de HN Ver
Compendio de Agricultura de Subirá Ver
Guía práctica de agrimensores y labradores Ver
Los doce libros de Agricultura Ver
Elementos de Agricultura de Boedo Ver
Certificado de Luís Iglesias Ver